Saturday 04 de May de 2024

Rueda aposta por unha “colaboración institucional sincera” para construír a Galicia do futuro puxante no económico e centrada nas persoas


— Defende crear un clima favorable para os proxectos empresariais e industrias, así como impulsar as enerxías verdes

— Aposta polo rigor sinalando “que non se vai autorizar en Galicia nada que non cumpra estritamente toda a normativa”

— Pon en valor o “Estilo Galicia” para afrontar o “futuro prometedor” que ten a comunidade por diante

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe por construír entre todos unha Galicia que sexa puxante na esfera económica e industrial, pero que teña o foco posto en mellorar a vida das persoas. Así, avogou por unha “colaboración institucional sincera” entre todas as administracións como ferramenta fundamental para acometer proxectos en beneficio de todos os galegos.

Así o sinalou hoxe durante a súa participación no III Foro económico El Español A Galicia que vén, onde defendeu a necesidade de crear un clima favorable para os proxectos empresariais e industriais, facilitando e axilizando a tramitación; de apostar polas enerxías verdes e que os seus beneficios queden en Galicia; e de consolidar a Galicia como un polo de atracción de investimentos.

“Temos enormes oportunidades neste momento, temos proxectos que están mirando cara Galicia pola nosa estabilidade política e a seguridade fronte a outros territorios; polas nosas condicións de músculo empresarial e económico; polas nosas condicións de situación xeográfica… condicións que nos converten nun territorio moi apetecible, así que imos aproveitar esas oportunidades entre todos”, manifestou.

Ao mesmo tempo, manifestou a aposta do Goberno galego polo rigor, sinalando “que non se vai autorizar en Galicia nada que non cumpra estritamente toda a normativa, pero se cumpre non deixaremos de autorizalo en ningún caso”.

Neste sentido, citou algunhas das medidas postas en marcha pola Xunta para conseguilo, como a Oficina económica de Galicia, unha canle única para todos os trámites dos empresarios. “O que busca esta oficina é ter unha visión de conxunto de departamentos que están tramitando á vez o mesmo proxecto e que todo vaia en harmonía e coordinación”, explicou.

Tamén puxo en valor o “Estilo Galicia” para afrontar o “futuro prometedor que temos por diante”. Así, a comunidade ten avanzado en diferentes eidos nos últimos anos como no incremento do PIB, o descenso do paro a mínimos históricos, o saldo migratorio positivo ou a gratuidade da atención educativa 0-3 anos.

Deja un comentario